luns, 26 de maio de 2014

O modelo educativo sustentado polas escolas unitarias é futuro

As escolas de educación infantil, denominadas comunmente como escolas unitarias, conforman un sector relevante do sistema de ensino público establecido para o segundo ciclo de  educación infantil, isto é para os nenos e nenas de tres a seis anos.

Sosteñen mesmo un modelo educativo singular, dada a especificidade que lle atribúen as características que as definen:

-Ensino multinivel, ao convivir na mesma aula alumnos e  alumnas de cuarto, quinto e sexto de infantil o que favorece a creación dun marco de relacións interpersoais rico e complexo.

-Atención individualizada na diversidade, inducida pola coexistencia de varios ritmos e actividades lectivas simultáneas adaptadas a cada tramo de idade, e mesmo a cada neno considerado individualmente.

-Métodos pedagóxicos avanzados, aplicados na procura de solucións adaptadas á configuración da aula multinivel, e implementados por un exercicio da labor docente cun relativamente alto grao de liberdade profesional e o conseguinte compromiso persoal do/a mestre/a.

-Integración no medio social, froito da proximidade, accesibilidade e importancia social da escola no seu contorno, sobre a base de relacións duradeiras, estables e sólidas.

-Permeabilidade á participación das familias, partindo da sinxeleza da escola e a facilidade de interlocución de todos os sectores educativos nun contorno inclusivo.

Son, polo tanto, as escolas unitarias máis que unha rede escolar con entidade propia e integradas harmonicamente no conxunto, son tamén os piares dun modelo educativo específico. Os seus efectos positivos son os beneficios cara ao alumnado propio, en canto a logros competenciais acadados a respecto do itinerario educativo establecido con carácter xeral, tal e como demostra o alto nivel de satisfacción das familias. E aínda destaca que a existencia do modelo sostido polas unitarias facilita a aparición dun espazo común de vivencias diversas das familias, e un ámbito de debate pedagóxico sobre experiencias empiricamente contrastables na diversidade, aspectos que redundan en beneficio do conxunto e na consecución dun ensino público de calidade.

No plano internacional e concretamente no ámbito europeo, son numerosos os países que desenvolven con mecos e planificación a mellora da primeira etapa da escolarización, cun lugar destacado do aproveitamento das vantaxes que proporciona a escola multinivel. Neste sentido por mor do hábitat poboacional disperso, Galicia representa unha sociedade que ten moito que achegar, motivo polo que produce abraio a dinámica inxustificada de peches de escolas e erosión paulatina e irremediable da rede de escolas unitarias.

Sempre as comunidades escolares afectadas botan man de todos os recursos ao seu alcance, máis só en ocasións contadas se ven recompensadas polo éxito que supón evitar o castigo e empobrecemento social que supón o desmantelamento dunha escola con décadas de servizo á comunidade.

Por iso, as comunidades escolares da área educativa de Betanzos estamos a ensaiar unha fórmula consistente en  estreitar lazos e fortalecer os vínculos de todas as escolas unitarias entre si e co seu centro escolar de referencia, para desde a unión reverter a dinámica de peches e garantir a continuidade de todos os centros educativos.

Somos optimistas e temos a convicción profunda de que visibilizar e prestixiar ás escolas unitarias na comunidade educativa e na sociedade en xeral, suporá que a Administración educativa nos acompañe no obxectivo compartido do ensino de calidade, no que o modelo educativo sustentado polas unitarias sexa valorado na súa xusta medida no presente, e potenciado cunha orientación adecuada de cara ao futuro.

ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos

Autores:Amaya García, presidenta da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín
Moncho Bouzas, vocal da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín


Ningún comentario:

Publicar un comentario