mércores, 28 de maio de 2014

Escolas de Educación Infantil de Coirós

Escola de Educación Infantil de Coirós de Arriba
O centro está situado no edificio-sede do Concello de Coirós. 

É unha construción de pedra de dous andares que desde a súa orixe, hai máis dun século, foi dedicado a Concello, oficina de Correos, consultorio médico e centro educativo.
A súa función educativa foi intermitente. Desde comezos dos anos oitenta vense desempeñando de xeito ininterrompido. 

Na actualidade acolle dependencias administrativas do Concello e a escola, que ocupa parte da planta baixa.
Ademais do espazo interior (1 aula e 1 aseo) dispoñemos dun anaco da área exterior que rodea o edificio. Esta zona, que fai as funcións de acceso ao centro e patio, conta cunha pequena superficie cuberta (anexa á entrada da aula), areeiro, almacén e un aseo. 
A dotación de material de aula corresponde ao que vén sendo habitual neste tipo de centros, incluíndo ferramentas tecnolóxicas (ordenador portátil e encerado dixital interactivo).
O cadro de persoal está composto por unha mestra-titora, unha mestra especialista en lingua estranxeira: inglés e unha mestra de relixión católica.  
As familias do alumnado constitúen a ANPA O Cruceiro.
Escola de Educación Infantil de Fontelo-Ois
A SCRD Fillos de Ois foi construída polos emigrantes nativos desta parroquia que estaban en Bos Aires. O edificio que hoxe é a sede social da sociedade foi concibido como  “escola” e contaba con dúas amplas salas de clase (unha para nenos e outra para nenas) servizos hixiénicos e campo de xogos. En 1923 foi inaugurado como novo local escolar. En 1972 a escola queda baleira ao ser escolarizados os/as nenos/as no colexio de Betanzos ata que en 1982 se rehabilita a biblioteca grazas a varios veciños e volve a funcionar como escola.
Na actualidade, a Escola de Educación Infantil Fontelo-Ois, atópase no lugar de Fontelo, pertence á parroquia de Santa María de Ois no Concello de Coirós, nun contorno rural próximo a Betanzos.
É un centro público de educación infantil dunha soa unidade. A escola sitúase nun edificio de dous andares que pertence a Asociación Fillos de Ois e ten a aula cedida á Consellería de Educación. 
O primeiro andar está dividido para acoller, ademais da escola, unha biblioteca, a consulta do médico, os aseos e un almacén que a escola comparte coa Asociación.
Na planta baixa está o bar da Sociedade e anexo a dito bar  atópase un local amplo para reunións da Asociación e que a escola utiliza para facer psicomotricidade.
De todas as instalacións ao servizo da escola están a aula, os aseos, o polideportivo e o parque próximos ao edificio.
Escolas de Coirós: un proxecto educativo en común 
EEI Fontelo-Ois e EEI Coirós de Arriba
O Decreto 330/2009 polo que se establece o currículo da Educación Infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, no apartado de orientacións metodolóxicas para o segundo ciclo desta etapa di: “A educación infantil acada o seu pleno sentido nun marco de colaboración e coordinación entre os elementos  que inciden no proceso educativo das nenas e dos nenos: o equipo docente, as familias e o contorno”.
Partindo desta premisa propomos unha liña de actuación común que aplicamos nos dous ámbitos sobre os que actuamos: a titoría e a responsabilidade do centro.
Como titoras: 
Deseñamos unha acción educativa común,  para as dúas escolas que se traduce en:
-O desenvolvemento dun proxecto de traballo anual que nos leva a compartir obxectivos, contidos e programación de actividades.
-Celebracións conxuntas: Magosto, Nadal, Entroido e Fin do Curso.
-Propostas de colaboración con outros centros da  comunidade educativa da zona (CEIP Francisco Vales Villamarín,  Escola Infantil de 1.º ciclo de Coirós e outras escolas do contorno.
Levamos a cabo unha metodoloxía aberta á participación dos axentes educativos do contorno, e facilitamos a súa colaboración en experiencias que procuren aprendizaxes  significativas. Neste aspecto desempeñan un papel salientable as familias, como fonte de recursos e creadores de iniciativas que os fan co-responsables do proceso educativo.
Consideramos de primordial importancia coidar a transición entre os ciclos e a coordinación entre etapas como instrumento facilitador da integración do alumnado nos sucesivos centros educativos; polo que procuramos e valoramos actuacións  compartidas cos centros da comunidade educativa como xornadas de convivencia, celebracións compartidas, tarefas de coordinación do profesorado etc.
O Concello participa da actividade educativa como colaborador necesario achegando espazos, persoal e medios.
Como responsables do centro:
 O noso obxectivo é manter os vínculos de apoio e  colaboración creados coas entidades que compoñen a comunidade educativa (centros, ANPAs, concellos) e que facilitan logros que repercuten positivamente nos principios básicos da Educación. 
Por que unha exposición conxunta Escolas de Coirós?
-As características comúns dos centros desembocaron dun xeito natural no achegamento das propostas educativas, que progresivamente foron dando lugar a accións compartidas, comprobando as súas vantaxes na aprendizaxe e a convivencia; polo que acordamos expoñer a nosa realidade educativa nas condicións en que se vén desenvolvendo.

Responsables das Escolas de Educación Infantil de Coirós e O Fontelo-Ois
Autoras: Olga Abella, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Fontelo-Ois e Conchi Fernández, mestra responsable da Escola de Educación Infantil de Coirós de Arriba

Ningún comentario:

Publicar un comentario