sábado, 18 de xuño de 2016

Apoio á comunidade escolar do CEIP O Calvario-Queixas (Cerceda).


O modelo educativo sustentado polas escolas unitarias é futuro
As escolas de educación infantil, denominadas comúnmente como escolas unitarias, conforman un sector relevante do sistema de ensino público establecido para o segundo ciclo de educación infantil, isto é para os nenos e nenas de tres a seis anos. 
Sosteñen mesmo un modelo educativo singular, dada a especificidade que lle atribúen as características que as definen: 
-Ensino multinivel, ao convivir na mesma aula alumnos e alumnas de cuarto, quinto e sexto de infantil o que favorece a creación dun marco de relacións interpersoais rico e complexo. 
-Atención individualizada na diversidade, inducida pola coexistencia de varios ritmos e actividades lectivas simultáneas adaptadas a cada tramo de idade, e mesmo a cada neno considerado individualmente.
-Métodos pedagóxicos avanzados, aplicados na procura de solucións adaptadas á configuración da aula multinivel, e implementados por un exercicio da labor docente cun relativamente alto grao de liberdade profesional e o conseguinte compromiso persoal do/a mestre/a. 
-Integración no medio social, froito da proximidade, accesibilidade e importancia social da escola no seu contorno, sobre a base de relacións duradeiras, estables e sólidas. 
-Permeabilidade á participación das familias, partindo da sinxeleza da escola e a facilidade de interlocución de todos os sectores educativos nun contorno inclusivo. 
Son, polo tanto, as escolas unitarias máis que unha rede escolar con entidade propia e integradas harmonicamente no conxunto, son tamén os piares dun modelo educativo específico. Os seus efectos positivos son os beneficios cara ao alumnado propio, en canto a logros competenciais acadados a respecto do itinerario educativo establecido con carácter xeral, tal e como demostra o alto nivel de satisfacción das familias.
 E aínda destaca que a existencia do modelo sostido polas unitarias facilita a aparición dun espazo común de vivencias diversas das familias, e un ámbito de debate pedagóxico sobre experiencias empíricamente contrastables na diversidade, aspectos que redundan en beneficio do conxunto e na consecución dun ensino público de calidade. 
No plano internacional e concretamente no ámbito europeo, son numerosos os países que desenvolven con mecos e planificación a mellora da primeira etapa da escolarización, cun lugar destacado do aproveitamento das vantaxes que proporciona a escola multinivel. Neste sentido por mor do hábitat poboacional disperso, Galicia representa una sociedade que ten moito que achegar, motivo polo que produce abraio a dinámica inxustificada de peches de escolas e erosión paulatina e irremediable da rede de escolas unitarias.
Somos optimistas e temos a convicción profunda de que visibilizar e prestixiar ás escolas unitarias na comunidade educativa e na sociedade en xeral, suporá que a administración educativa nos acompañe no obxectivo compartido do ensino de calidade, no que o modelo educativo sustentado polas unitarias sexa valorado na súa xusta medida no presente, e potenciado cunha orientación adecuada de cara ao futuro.

As nais e pais da comunidade escolar do CEIP O Calvario-Queixas (Cerceda), contactan coa comunidade escolar da área educativa de Betanzos a través da ANPA Brigantium do CEIP Francisco Vales Villamarín, e trasladan o risco de peche da escola unitaria de Queixas por parte da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
O peche de escolas unitarias supón a realización por parte da administración educativa dun exercicio activo de castigo e ensañamento coa comunidade educativa afectada e incomprensiblemente o fomento do empobrecemento social que supón o desmantelamento dunha escola con décadas de servizo á comunidade. Mais tamén representa unha agresión ao conxunto do ensino público do que a rede de escolas unitarias conforma unha parte relevante e sumamente valiosa.

Por iso, a ANPA Brigantium, representativa das nais e pais da comunidade escolar da área educativa de Betanzos DECLARA:
-Coa finalidade de reverter a dinámica de peches impulsados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia e garantir a continuidade de todos os centros educativos, expoñemos o noso apoio e respaldo á iniciativa social promovida pola comunidade escolar do CEIP O Calvario-Queixas (Cerceda) pola continuidade da Escola de Queixas, en beneficio da contorna social máis próxima e tamén do conxunto da nosa sociedade na percura dun ensino público de calidade.

Pola Xunta Directiva da ANPA Brigantium

Amaya García, Presidenta.

En Betanzos, a 17 de Xuño de 2016