venres, 23 de maio de 2014

Invitación á escola aberta

A elaboración do presente informe xorde despois de varias postas en común nas que pais, nais e mestras sentimos a necesidade de protexer e prestixiar un modelo educativo que en tempos de  dificultades parece ser o máis vulnerable. É por iso que queremos dar a coñecer á comunidade educativa e á sociedade en xeral, o labor das escolas unitarias no noso contorno máis próximo como é a área educativa de Betanzos, e que inclúe as escolas de Coirós e Paderne. 


Exporemos as características destas e tentaremos entusiarmarvos  con este modelo de escola que aínda que sobreviviu a tempos de grandes dificultades económicas e sociais, segue vixente e coa mesma forza na tarefa de representar unha educación de calidade que sentará as bases na educación dos nosos fillos.

O noso labor, polo tanto, é convidarvos a coñecer cada unha destas escolas por ser escolas de portas abertas ás familias nas que un valor fundamental é preservar as nosas raíces e traballar co noso contorno máis inmediato.  

As familias que temos e tivemos alumnado nestas escolas, ou que incluso participamos delas tamén como alumnado, estamos agradecidos de poder contar co privilexio de vivir unha experiencia única, de ver como os nosos fillos teñen a súa escola sempre presente, e de ver como todos e cada un dos nenos e nenas desenvolven as súas capacidades fundamentalmente a través do contacto coa súa realidade. 

Aquí a diversidade está sempre presente, comezando polo feito de que o ensino é multinivel, e dicir, conviven nenos e nenas de tres, catro e cinco anos con características diferentes. Esta circunstancia favorece a aprendizaxe cooperativa, moi presente no día a día destas escolas. E qué pode haber máis fermoso que ver como os compañeiros se apoian entre si, resolven dúbidas en común, e fan o proceso de aprendizaxe moito máis sinxelo, ademais de favorecer outros valores fundamentais.

Para rematar, cómpre dicir que a escola unitaria é unha escola para sempre, a escola que te marca e á que sempre queremos volver a modo de antigo alumno que garda grandes lembranzas desta. Isto non sería posible sen o enorme valor humano que existe á fronte destas. E isto xa non require de máis explicacións, soamente tedes que velo e se podedes, vivilo.

ANPA O Cruceiro da EEI de Coirós
Autora: Paula Boado, presidenta da ANPA O Cruceiro da EEI de Coirós de Arriba

Ningún comentario:

Publicar un comentario