martes, 27 de maio de 2014

Escolas unitarias na área educativa de Betanzos

O CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, que debe o seu nome á figura de tan ilustre betanceiro, escolariza alumnos e alumnas do propio Betanzos e, a partir de primeiro de primaria, dos concellos limítrofes de Coirós e Paderne, municipios nos que conta con cinco EEI (Escolas de Educación Infantil) adscritas: Coirós de Arriba e Fontelo, en Coirós, e Viñas, Souto e Areas, en Paderne. Está situado no lugar do Carregal, próximo aos centros de ensino secundario, IES  Francisco Aguiar e IES As Mariñas, e moi preto da zona deportiva da cidade, na que atopamos un pavillón polideportivo, piscinas cuberta e descuberta e campos de fútbol. Nas súas inmediacións atópanse tamén os parques do Pasatempo e Pablo Iglesias, a estación do ferrocarril e o centro de saúde. A distancia ao centro da cidade transítase en apenas dez minutos a pé.


Con 42 unidades (13 de EI e 29 de EP), 65 mestres/as, 2 coidadoras, 9 traballadores e traballadoras da Administración e servizos e 970 alumnos e alumnas, poida que sexa o centro educativo de infantil e primaria máis grande de toda a Comunidade Autónoma. Conta con 10 itinerarios de autobuses escolares que dependen da Consellería, así como dunha liña de autobús que funciona privadamente polo centro de Betanzos para o alumnado que non ten dereito a transporte escolar  gratuíto, nas que se trasladan un total de 439 alumnos e alumnas, e oferta servizos de comedor e madrugadores, de carácter privado, e xestionado desde o actual curso polo Concello de Betanzos, dos que fan uso arredor de 170 e 55 alumnos e alumnas, respectivamente.

A xornada escolar é continuada, en sesión única de mañá, entre as 09:00 h e as 14:00 h, cun breve período de adaptación, durante o mes de setembro, para o alumnado do 4.º nivel de educación infantil. Todas as tardes, en horario comprendido entre as 16:00 h e as 18:00 h, desenvólvense diferentes actividades extraescolares, organizadas e xestionadas pola ANPA Brigantium, e das que participan arredor de 300 dos nosos alumnos e alumnas. Cómpre indicar que tanto dos  servizos de comedor e madrugadores, como das actividades extraescolares pode tamén beneficiarse o alumnado das EEI adscritas, como así esta a acontecer nalgúns casos.

O edificio principal do centro, que consta de dous bloques  con tres alturas cada un, data do ano 1972. No curso 2000-2001 inaugurouse o chamado edificio de infantil, de planta baixa, e por ambos os dous distribúense as 42 aulas de grupo-clase, 1 aula de música, 2 de informática, 6 aulas para apoios por parte do profesorado do departamento de orientación, 1 biblioteca e 2 salas de usos múltiples, ademais dos correspondentes despachos, salas de mestres, almacéns e aseos. No recinto escolar localízanse asemade un pavillón polideportivo, un patio  cuberto, varias pistas exteriores e zona de xogos para o alumnado de educación infantil. 

Nun colexio desta magnitude e características xoga un papel prioritario o proceso organizativo. Así, ademais dos correspondentes órganos colexiados (Equipo Directivo, Consello Escolar e Claustro de Profesores) e de coordinación  docente (equipos de nivel, de ciclo, de Dinamización da Lingua, de Actividades Complementarias, de TICs e de  Biblioteca; Comisión de Coordinación Pedagóxica e de Coordinación da Avaliación do Centro, e Departamento de Orientación, do que forman parte as mestras das EEI adscritas) e dos distintos plans e proxectos (ata un total de 19, entre os que destacariamos o PEC, o Plan de Autoprotección Escolar, o Plan de Xestión do Centro e o de Biblioteca Escolar, os proxectos Lingüístico, Lector, TICs e Abalar e o Plan de Orientación Escolar), o centro conta con 14 protocolos, cos que  garantir o pleno desenvolvemento curricular e unha atención o máis individualizada posible do noso alumnado, ao tempo que o seu control e seguridade e unha optimización dos recursos materiais e humanos dos que dispomos.

A liña metodolóxica do CEIP Francisco Vales Villamarín baséase nun traballo activo, participativo e globalizador; perseguimos ser unha escola motivadora que permita gozar coa aprendizaxe, valorando as propias realizacións e as dos demais. Partindo do contorno tentamos construír o coñecemento da realidade física e social e desenvolver as capacidades necesarias para conseguir información, seleccionala, organizala, tomar decisións e presentar alternativas, empregando todos os medios ao alcance. Porfiamos por ensinar a aprender, dun xeito significativo, valorando non só o saber máis, se non o saber mellor, dando especial relevancia ás técnicas e aos hábitos de estudo.  
En resumo, unha metodoloxía baseada nos procedementos, actitudes e valores.

Como centro de educación infantil e primaria de titularidade pública que somos, defendemos a pluralidade, a coeducación, os valores democráticos e a aconfesionalidade. Educamos para  a paz e a solidariedade favorecendo o traballo en común, potenciando a tolerancia, o pluralismo, o respecto, o espírito crítico e a participación. Consideramos que a pluralidade do noso alumnado é un valor que potencia o respecto e a atención pola súa identidade persoal, por iso a resposta que damos a esa diversidade réxese polos principios de normalización, integración e inclusión escolar, compensación, discriminación positiva, habituación e interculturalidade. 

Pretendemos alumnos e alumnas responsables, que adquiran bos hábitos de traballo e estudo, ademais das competencias básicas para o seu desenvolvemento e apostamos por unha formación integral, que amosa interese pola innovación e o progreso, sostibles, ao tempo que potenciamos o respecto e a defensa do noso medio natural e do noso patrimonio.

Consideramos o principio de autoridade desde o respecto mutuo e confiamos nunha xestión participada por todos os membros da comunidade educativa, baixo os principios de responsabilidade, prudencia, equilibrio, eficacia, eficiencia e legalidade. Valoramos o contorno e estamos abertos á colaboración con todas aquelas institucións, organizacións e empresas, de carácter público ou privado, que contribúan á consecución de todo o anterior, que conforman os valores que sustentan o noso proxecto educativo e os sinais de identidade que nos definen como centro.

A bo seguro que no recollido nos parágrafos inmediatamente anteriores, pódese atopar unha enorme semellanza, cando non plena, co que se está a desenvolver nas EEI adscritas ao noso centro. Pero esta máis que evidente coincidencia na liña metodolóxica e nos principios de identidade do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos e das EEI dos concellos de Coirós e Paderne non é algo aleatorio ou casual. Os tres concellos, lonxe de fronteiras administrativas, conforman hoxe por hoxe unha realidade única, como así o demostra o feito de que os seus habitantes presenten un mesmo perfil socioeconómico e cultural, alén dos diferentes nós e relacións de todo tipo entre a súa xente, o que xa se pon de manifesto á máis temperá idade.

Para entendernos. Os nenos e nenas de Coirós e Paderne, cando se incorporan como alumnos e alumnas de primaria ao Vales Villamarín, non precisan de adaptación; a súa inmersión é inmediata, instantánea, exactamente igual que a dos que, sen cambiar de centro, pasan de infantil a primaria. E isto é así porque ao igual que os tres concellos constitúen unha realidade única, os seus centros de ensino conforman unha única  entidade educativa.

Non hai que esquecer que o contacto, colaboración e intercambio de información entre o profesorado dos cinco centros é permanente e diario. Se a isto e a todo o anterior engadimos a proximidade, os recursos e a atención individualizada que as EEI garanten, pensariamos en mudar  esta realidade?

Nós apostamos por esta única entidade educativa que conforman as escolas de Coirós de Arriba, Fontelo, Viñas, Souto e Areas xunto co Vales Villamarín, como garante dun ensino plural, de calidade e con futuro.

Dirección do Centro de Educación Infantil e Primaria Francisco Vales Villamarín

Autor:Andrés Otero, director CEIP Francisco Vales Villamarín

Ningún comentario:

Publicar un comentario